Sense categoria

INFORME: Anatomía da manipulación de TVE sobre as linguas.

OCTUVRE no rep subvencions ni accepta publicitat.
La nostra feina és possible gràcies als nostres donants i subscriptors.
Si vols conèixer el nostre projecte, trobaràs els detalls aquí.

Enllaç de l’article en català

Enlace del artículo en castellano

Artikuluaren esteka euskaraz


De certo que esta semana tedes visto o vídeo dun mozo que di que “en Catalunya vas a un establecemento e falas castelán e non te atenden”. Isto foi dito nun programa de Televisión Española.


En Octuvre temos visionado o programa por completo e o que atopamos resulta un escándalo impropio dunha televisión pública democrática.


Os 41 segundos do vídeo do rapaz en cuestión —membro das Nuevas Generaciones do PP— poden facer graza ou causar indignación. Mais o que aconteceu ao longo dos primeiros 55 minutos deste programa merece explicacións ao máis alto nivel.


Visionamos o programa enteiro en cinco ocasións. Cronómetro en man. Transcribimos as 8.729 palabras que se dixeron durante o programa e falamos con persoas que estaban no plató aquela noite.
Mentres facíamos esta tarefa, Inés Arrimadas fixo un “tuit” denunciando “a campaña de acoso que está a sufrir Anna Grau por parte do separatismo”.

Mais agora veremos a verdade que é unha “campaña de acoso” orquestrada dende a principal televisión pública do Estado.

Sabemos que é moi difícil que este Informe chegue a toda a xente que estaba visionando o programa en directo. Mais cremos que é imprescindíbel que este escándalo fique documentado para obrigar aos seus responsábeis a daren explicacións. Por iso, ademais de publicalo, dende Octuvre enviamos unha copia deste Infome a ERC, a CUP, JxC, En Comú Podem, Bildu, PNB, Nueva Canarias e Teruel Existe. A copia vai acompañada dunha serie de preguntas sobre os criterios xornalísticos que se seguiron por parte dos responsábeis do programa analizado para que o caso se leve á Comisión Mixta de Control Parlamentar da Corporación RTVE.

Pedímosche que dediques uns minutos a descubrir este atentado mediático e que, se che parece útil, o compartilles cos teus contactos. Entre todos podemos tirarlle a careta á mentira de Estado.


Metodoloxía.

O programa dura un total de 1:51 horas e consta de diferentes bloques. Neste Informe analizamos exclusivamente o primeiro bloque, que é onde se trata o tema das linguas na educación, cunha duración de 55 minutos. Este Informe non analiza os contidos nin as opinión de cada un dos intervinientess. O obxectivo é averiguar se todas as opinións se puideron expresar en pé de igualdade dentro da estrutura do programa.


Analizamos os seguintes parámetros:
a) Os tempos de intervención do que dispuxeron os intervinientes.
b) A posición que ocupaban os intervinientes.
c) A capacidade da presentadora para dirixir o programa.
d) O comportamento dos diferentes intervinientes durante o debate.

· A análise da distribución de tempos está centrada nas intervencións das nove persoas convidadas para opinar.

· Os participantes no programa ofrecen opinións e aproximacións con matices. A súa clasificación como contrarios ou favorábeis estableceuse arredor de dous eixos: a nova lei de educación e a inmersión lingüística nos territorios con lingua propia.

Os 55 minutos do programa foron transcritos integramente e acompáñanse coa minutaxe do programa.

As porcentaxes de tempos das intervencións calcúlanse sobre o tempo total de tempo de todas as opinións, excluíndo as intervencións as intervencións da presentadora, as do actor convidado (que non participa directamente do debate) e a representante de maldita.es, que fai acotacións técnicas.


Os convidados


Un campo de xogo inclinado

Se analizamos o “campo de xogo” onde se produce o debate, vemos cousas preocupantes antes de que se diga a primeira palabra do programa. As nove persoas que intervirán fano dende tres posicións diferentes:

a) Zona central: as persoas que ocupan este espazo son as únicas que poden intervir en calqueira momento do programa, posto que teñen os micrófonos abertos permanentemente.

b) Zona de grada: dende este espazo só se pode intervir cando a presentadora dá paso.

c) Zona telemática: O mesmo que na grada, só interveñen se a presentadora dá paso. Mentres non interveñen o micrófono está pechado.

Agora miramos como estaban distribuídos os intervinientes:

Primeiras apreciacións do que temos visto até aquí:

· En relación á inmersión lingüística: 4 convidados están a favor e 5 en contra.

· En relacións á nova lei: 5 convidados están a favor e 4 en contra.

Até aquí semella que a cousa está razoabelmente equilibrada. Mais no que atinxe á posición, a cousa descompénsase:

· Na Zona Central, a máis privilexiada á hora de intervir, só hai unha persoa a favor da inmersión. Todo o resto está en contra.

Agora veremos como este campo de xogo deseñado por TVE condiciona o debate.


Que comece o debate!

Os primeiros minutos do programa están dedicados a entrevistar ao actor Daniel Grao, protagonista da serie xuvenil Hit, de TVE.

No minuto 3:35 a presentadora, Mamen Asensio, introduce os temas de debate da noite. O primeiro bloque estará dedicado á “problemática que considera a nova lei de educación” e a responder á pregunta “en que idioma imos estudar”.

Despois desta introdución, no minuto 5:28 a presentadora dá paso a unha peza onde se ve “a problemática que considera a nova lei de educación”. A peza, na súa totalidade, son opinións recollidas na manifestación que se tiña celebrado o domingo anterior e que contou co apoio de Vox, PP e Ciudadanos. Entre as opinións recollidas, todas en contra da nova lei, tamén se tocaba o tema da lingua:

A cousa non comeza con bo pé e abríase con 45 segundos da manifestación da dereita e a ultradereita. A presentadora avisa:

“Uno de los puntos más polémicos [da nova lei de educación] es el del idioma” e acto seguido le o artigo que o regula. Despois disto, no minuto 8:58 do programa, a presentadora dá paso á primeira intervención dos opinadores. Comeza Isabel San Sebastián.

Isabel San Sebastián, rotundamente contraria á nova lei e á inmersión lingüística, fala un total de 96 segundos sen interrupción.

Despois disto, a presentadora introduce unha representante de maldita.es:

Presentadora: “Esta noche hay un equipo chequeando lo que se diga para saber si es verdad o mentira”.

Moi ben.

A seguinte intervención é para o profesor Marcelo Soto, quen tamén se opón ás políticas de inmersión lingüística e que fala 49 segundos sen interrupción.

A seguinte opinión volve correr a carbo de Isabel San Sebastián, quen fala durante 40 segundos sen interrupcións.

Despois tócalle o turno a Anna Grau, quen tamén se opón firmemente á inmersión lingüística durante 117 segundos sen interrupción ningunha.

Como se pode ver, a cousa non comezou nada equilibrada. Mais neste punto a presentadora empeza a introducir unha voz favorábel á inmersión lingüística: a do xornalista valenciano Miquel Ramos. Mais mentres intenta dar paso a Miguel, Anna Grau interrompe a presentación durante 100 segundos. Á interrupción súmase o actor do comezo, que fala 100 segundos e fai esta crítica a TV3:

En mis primeros trabajos en TV3, tenía una lingüista… Me vine a Madrid a trabajar entre otras cosas por eso. Al final, el acento no estaba puesto en lo interpretativo, sino en cómo decía las letras, el catalán ortodoxo… Una ficción imita la realidad, mi realidad es que hablamos y nos entendemos perfectamente. Ves el manejo político del idioma, de lo cultural

Esta tivera sido unha magnífica oportunidade para que a equipa de maldita.es dixera que RTVE fai exactamente o mesmo. De feito, o “Manual de Estilo” de RTVE recolle:

La Corporación RTVE establece de este modo algunos criterios de corrección lingüística con el fin de promover tanto la pureza como la riqueza del idioma (…) La ficción producida para los medios de RTVE debe responder a la promoción del buen uso del lenguaje”.

Cando o fai TV3, en catalán, é “manejo político del idioma”. Cando o fai RTVE, en castellano, é “riqueza del idioma”.

Mentres todo isto pasa, Miquel segue a esperar polo seu turno de palabra. Mais aínda terá máis, posto que ás interrupcións de Grau e do actor, súmase Isabel San Sebastián —quen fala 59 segundos máis—, o profesor Marcelo Soto (16 segundos máis) e outra vez Anna Grau, con 30 segundos máis.

Estamos no minuto 21:46 do programa (xa temos consumido un xx% do bloque dedicado ás linguas) e a presentadora di:

Presentadora: “Vemos lo encendido que es el asunto, y las diferentes posiciones que hay aquí”.

De verdade temos visto “las diferentes posiciones que hay aquí”? Se miramos o minuto e o resultado vemos que a presentadora non dixo a verdade:


San Sebastián, Grau, Miquel Ramos e o mozo do xersei de festa de nadal

Finalmente, ás 22:10, a presentadora dá paso a Miquel Ramos:

Presentadora: “En caso de Miquel Ramos, no ha tenido ningún problema. Defiende su lengua materna, el valenciano, pero también el castellano”.

Comeza Miquel a falar, mais cando só leva 35 segundos, Isabel San Sebastián intenta interrompelo. Miguel segue, mais 12 segundos máis tarde quen o interrompe é Anna Grau. Miquel teima en seguir mais Grau e San Sebastián volven á carga.

Neste punto Miquel leva 60 segundos falando e xa sufriu 4 intentos de interrupción. E quéixase:

Miquel: “¿Puedo terminar de hablar?

Despois disto, consegue falar 19 segundos máis, até que chega a quinta interrupción, de Anna Grau. Dous segundos máis tarde, a sexta. Nótase que Miquel ten “táboas” e, como xornalista, ten participado en varios debates televisivos…, mais mesmo para el as condicións nas que intenta facer a súa intervención son moi difíceis. Miquel consegue falar 29 segundos máis antes da sétima interrupción de Anna Grau. Miquel consegue dicir catro palabras (“Segundo: no hablamos valenciano”), mais Grau interrompe por oitava vez. E neste punto súmase Isabel ás interrupcións.

[Nota: neste punto, detrás de Miquel, pódese ver como un mozo cun xersei de festa de nadal que está na grada e que despois coñeceremos, fai acenos queixándose da sabotaxe de San Sebastián e Grau cara a Miquel. Lembramos que as persoas na grada non teñen micro]

Miquel segue 18 segundos máis até que a presentadora córtao dicindo:

Presentadora: “Sois tres periodistas los que acabais de hablar. Tengo que introducir a la comunidad educativa”.

Antes de continuar deteñámonos a analizar o que acaba de pasar.

Dinos a presentadora que xa falaron os tres xornalistas convidados: San Sebastián, Anna Grau e Miquel Ramos. Ten razón. Mais:

· Dos tres xornalistas, dous estiveron en contra da inmersión lingüística: San Sebastián e Grau. A favor só un: Miquel Ramos.

· San Sebastián e Grau falaron en contra da inmersión lingüística un total de 5,08 minutos. Miquel Ramos só falou 2 minutos.

San Sebastián e Grau falaron 5,08 minutos sen interrupción ningunha. Pola contra, Miquel Ramos sufriu ao longo dos seus 2 minutos un total de 9 interrupcións por parte de San Sebastián e Grau. Unha media de unha interrupción cada 13 segundos. O máximo que puido falar Miquel sen interrupcións foi 35 segundos. As outras dúas xornalistas, insistimos, puideron falar sen interrupción 5,08 minutos. Agora, imos ao marcador.

Mais nin a presentadora, nin tampouco os membros de maldita.es, viron nada de todo isto. Ninguén moveu un dedo para parar o boicot de San Sebastián e Grau a Miquel Ramos. O único que se queixou foi o mozo do xersei de festa de nadal… mais non tiña micrófono.

A comunidade educativa, ninguneada.

Estamos no minuto 24:37 do programa e tócalle o turno a “la comunidad educativa”:

Presentadora: “Tengo que introducir a la comunidad educativa… Raquel es orientadora”…

Mais o mesmo que pasou coa presentación de Miquel Ramos, a presentación de Raquel tamén sofre interrupcións e San Sebastián ataca:

San Sebastián: “Pero permíteme…, nadie ataca al valenciano”.

A presentadora espera que San Sebastián remate a frase e volve:

Presentadora: “Raquel, esto en las aulas, en qué se traduce?

Comeza a responder Raquel, mais só consegue falar 28 segundos. Neste punto Grau fai outra interrupción. Raquel intenta seguir falando e faino durante 22 segundos máis, cando Grau volve interromper. Esta segunda interrupción é letal, posto que consegue tirarlle a palabra a Raquel Barrios e ponse a falar durante os seguintes 18 segundos.

Raquel puido falar só 50 segundos. Cando Grau leva 18 segundos falando, a presentadora intervén. O espectador podería pensar: por fin porá unha pouca de orde. Mais o que pasa a continuación semella unha bulra:

Presentadora: “Anna, acaba Raquel e Isabel quiere réplica”.

Analizamos isto detidamente. En efecto, a presentadora corta a interrupción de Grau, pero engade: “acaba Raquel e Isabel quiere réplica”.

Como? Raquel, que foi presentada como “a comunidade educativa”, só falou 50 segundos durante os cales recibiu dúas interrupcións e a presentadora di que “acaba Raquel”?

Por que ten que acabar Raquel para deixar a San Sebastián? Con que criterio a presentadora deixou falar a Isabel e a Grau ao comezo durante máis de 5 minutos, sen interrupción, mais agora di que “Raquel acaba”, cando leva só 50 segundos falando? Ademais: Raquel ten que acabar porque Isabel quere réplica? Todo isto xa é grave dabondo… Mais empeora. Raquel fai caso da presentadora e intenta acabar. E isto foi o que pasou:

Raquel: ¿En la Comunidad de Madrid se sienten perjudicados los alumnos porque se les ha enseñado e programa bilingüe desde los colegios de infantil… (9 segundos)

Interrompe San Sebastián: “Que no, que no. O me he explicado muy mal o tú no me has entendido”.

Raquel: “En la Comunidad de Madrid podríamos decir que el castellano está en peligro porque…

Interrompe San Sebastián: “Pero que no…

Raquel: “Porque mis hijos, para decirme las lecciones de geografía e historia me lo dicen todo en inglés, ¿en mi casa está en peligro el castellano? (15 segundos)

Interrompen San Sebastián e Grau outra vez e aquí acontece unha cousa espectacular: Isabel San Sebastián acusa a Anna Grau de interrompela!

Resume: Raquel puido falar 74 segundos, durante os cales recibiu 6 interrupcións de Isabel e Grau. Unha media de unha interrupción cada 10 segundos. O fragmento máis longo estivo 28 segundos. E aquí aparecen unha serie de preguntas que os responsábeis de RTVE deberan responder:

· ¿Con que criterio decide a televisión pública de España que a representación da “comunidade educativa” debe “ir acabando” cando leva 50 segundos falando?

· ¿Con que criterio decide Televisión Española que Isabel San Sebastián ten dereito a falar 2,13 veces máis que a representante da comunidade educativa?

NOTA: Lembrarmos que Miquel, que está na grada, non pode intervir para equilibrar as cousas. Mentres Isabel e Anna impiden falar a Raquel con total liberdade no momento que queiran, Miquel non pode facer nada posto que está na grada e o seu micrófono non está activo. E aquí outra reflexión. Seguramente quen decidiu que Miquel non estivera na zona central do plató sabía o que facía. Ao contrario que Raquel, Miquel si ten experiencia en debates de televisión e podería enfrontarse en pé de igualdade a Isabel e Anna, as dúas cunha longuísima traxectoria televisiva…, e por iso só falou 59 segundos. Cunha interrupción cada 10 segundos. Obxectivo de Isabel e Anna conseguido: non o deixaron falar.

Seguimos: despois de ter cortado a Raquel aos 74 segundos, a presentadora deixa 111 segundos para que San Sebastián e Grau falen.

Estamos no minuto 29 e a presentadora anuncia a seguinte convidada: Josebe Iturrioz, quen entra en conexión telemática dende o País Basco. Outra vez, a presentación sofre a interrupción correspondente.

Presentadora: “Josebe Iturrioz. No sé si ustedes la conocen, es profesora de filosofía, feminista y experta en igualdad”.

Despois dalgúns comentarios de Isabel San Sebastián, Josebe Iturrioz comeza a falar cando levamos 29:54 minutos. A cousa comeza ben e Josebe consegue un récord para os favorábeis á inmersión lingüística: fala 78 segundos sen ser interrompida! Mais no segundo 78 chega a primeira interrupción de Isabel a Josebe: Transcribimos o “diálogo”:

Interrompe San Sebastián: “Se aprende en vascuence, no euskera“.

Iturrioz: “Se aprende en euskera, y a no llamarlo vascuence“.

Interrompe San Sebastián: “¿Por qué no puede llamarse vascuence? El castellano también es un idioma del País Vasco. También es el idioma del País Vasco.

Iturrioz: “No, yo lo tengo…

Interrompe San Sebastián: “Si, si, sí! Igual de idioma del País Vasco que el euskera!

Neste punto intervén a presentadora e avisa da dificultade que ten unha persoa para falar vía telemática se é interrompida.

Presentadora: “Si interrumpimos todo el tiempo no la vamos a poder captar”.

Despois disto Josebe Iturrioz continúa durante 38 segundos, até que Anna Grau volve interromper. Josebe intenta continuar e consegue falar 28 segundos máis. En total puido falar 114 segundos con só 3 interrupcións! Mais San Sebastián e Grau decidiron que abonda.

Neste punto estamos no minuto 32:49 do debate e a conexión de Josebe durará aínda 2:41 minutos. Mais estes 2:41 minutos son unha auténtica vergoña para calqueira televisión democrática. Ao longo destes 2:41 minutos, Josebe recibirán 24 interrupcións, maioritariamente por parte de Anna Grau.

Facendo “clik” aquí poderedes ver a transcrición deste comportamento intolerábel.

A estratexia de Grau é boa. A xornalista, con moita experiencia en medios, sabe que a persoa que está conectada vía telemática recebe o son algo máis tarde e, por tanto, o bombardeo de preguntas fai tecnoloxicamente imposíbel que quen intervén dende fóra poida desenvolver ningún tipo de diálogo e a pesar de que Josebe tamén ten experiencia en debates televisivos presenciais, pouco pode facer dende a distancia.

Estamos no minuto 35:30 e mentres Josebe intenta falar a pesar das interrupcións de Grau, de fondo pódese escoitar moi claramente como Isabel San Sebastián di:

San Sebastián: “Nos estamos enzarzando”…

Dez segundos máis tarde, como se tivera recibido unha orde, a presentadora di:

Presentadora: Hay un momento aquí, que me vais a permitir, de colapso… Porque ya hemos defendido estas dos ideas… Creo que no nos lleva a nada… Enzarzarnos aquí…

O mecanismo está claro: interromper, non deixar falar, crear un clima de caos que precipite o final sen que o opoñente poida falar.

A presentadora córtalle a palabra a Iturrioz e Isabel pide a palabra:

San Sebastián: ¿Puedo decir una cosa en mi defensa?

Isabel fala 34 segundos máis. Sen ningunha interrupción. E como temos o marcador neste punto?

Levamos 36 minutos e 28 segundos de debate e chega o turno de Rubén, o mozo das Nuevas Generaciones do PP, que se atopa na grada e que se manifesta en contra da nova lei de educación e da inmersión lingüística. A presentadora preséntao durante 14 segundos. Esta vez non hai ningunha interrupción na presentación, como si houbo no caso de Miquel, Raquel e Josebe.

E non o ides crer: Rubén fala 68 segundos seguidos sen ningunha soa interrupción. Ninguén o pode interromper: as outras persoas que están na grada non teñen micrófono, a Josebe, que está conectada dende a casa, pecháronlle o micro e Raquel, que está na zona central, é unha persoa educada que non interrompe.

Por primeira vez, unha persoa que non está na zona central do plató pode falar sen ser interrompida. É Rubén, quen defende as mesmas teses que Isabel e Grau. Por certo: lembrades o mozo do xersei de festa de nadal que facía acenos queixándose das interrupcións que lle facían a Miquel? É profesor de inglés e chámase Jon e neste punto do programa tócalle falar. Equilibrarase o marcador? Poderá falar sen interrupcións como Rubén? Imos ver.

Jon, favorábel ás políticas de protección lingüística, comeza a falar no minuto 38:07 do debate. Mais Jon non ten a mesma sorte que Rubén e é a mesma presentadora a que o interrompe cando leva 25 segundos falando.

Presentadora: “Ya, pero Rubén acaba de explicar que sí que considera que el marco que deja esta nueva ley es, en segundo lugar, el castellano… ¿Y tú?

É dicir: a presentadora non só interrompe senón que deixa o discurso de Jon supeditado ao que dixo Rubén, nos seus 68 segundos sen interrupción. Diante disto, Jon, no canto de poder seguir desenvolvendo a súa idea, vese forzado a usar o seu tempo para dicir o seguinte:

Jon: “Yo hace unas pocas horas he estado explicando, en inglés, sin que hubiera ningún problema, a unos cuantos niños de diez años, que es de mala educación interrumpir… Lo cual hay gente aquí que debería tener un poco en cuenta, creo yo… Es, más que nada, porque da un poco de vergüenza.. Miro a mis alumnos y digo: para qué os enseño esto…

Despois disto, probabelmente a intervención máis necesaria de toda a noite vendo os usos lamentábeis deste programa, Jon volve fiar o seu discurso… Mais só 26 segundos máis tarde a presentadora vólveo cortar:

Presentadora: “¿Pero a dónde vamos?

Jon volve intentar explicarse e aos 20 segundos a presentadora interrómpeo por terceira vez. A súa intervención acaba 26 segundos máis tarde.

Jon falou 102 segundos, dos cales tivo que dedicar 15 a que non o interromperan. Durante os 87 segundos restantes tivo que aturar 3 interrupcións, unha cada 30 segundos, esta vez por parte da presentadora. Jon non tivo a mesma sorte que o seu compañeiro de grada Rubén. Repasemos os marcadores.

Neste punto o “debate” (por chamalo dalgunha maneira) pasa á parte central do plató, onde están os que poden intervir en todo momento. Ao longo dos seguintes 8 minutos hai 270 segundos de intervencións contrarias á inmersión lingüística e un novo participante que até entón non tiña falado: Pedro José Caballero, presidente da Confederación Católica Nacional de Padres de Familia y Padres de Alumnos, a organización que denunciou o programa infantil de TV3 “Info K” ante a Audiencia Nacional. Raquel, a única persoa na mesa que defende a inmersión lingüística consegue falar 60 segundos. Nestes 60 segundos foi interrompida tres veces. Unha cada 20 segundos. Neste bloque Isabel conseguiu falar 65 segundos. Sen ningunha interrupción. Neste punto os marcadores están da seguinte maneira:


Imos enfiando no final do programa. A presentadora devólvelle a palabra á grada.

Miquel Ramos fala un total de 28 segundos durante os cales Isabel San Sebastián o interrompe unha vez e Anna Grau dúas. Unha media de unha interrupción cada 9 segundos.

Vólvelle tocar o turno a Jon, o mozo do xersei de festa do nadal. Jon fala 57 segundos, con unha interrupción. Dos 57 segundos dedicou 5 a pedir a Isabel, por enésima vez, que non o interrompera.

Para acabar este segunda volta na grada, vólvelle tocar o turno a Rubén, que fala 39 segundos. Sen ningunha interrupción.

Despois disto, vólvelle tocar a vez a Josebe Iturrioz. Josebe volve bater o récord de intervención dos favorábeis á inmersión lingüística, con 128 segundos de intervención sen interrupcións. A presentadora dálle a palabra a Isabel para pechar e, despois da súa intervención de 28 segundos, a presentadora anuncia:

Presentadora: “Tenemos que cambiar de bloque”.

O marcador final fica así


Vendo estes números, fican dúas cousas claras:

A primeira, que os opinadores contrarios á inmersión lingüística dispoñen de moito máis tempo que dos que están a favor. O dato final é inaceptábel. E os parciais tamén: á media hora de comezar o programa as opinións contrarias á inmersión lingüística representan o 76% e as favorábeis o 24%.

A segunda, e a máis importante: a calidade deste tempo. Por exemplo: no noso cómputo contamos os 2,1 minutos de intervención de Miquel Ramos a favor da inmersión lingüística. Mais valen o mesmo estes 2,1 minutos se durante o seu transcurso se teñen producido 9 interrupcións, unha cada 9 segundos? Non. É tolerábel que en 2,41 minutos de intervención Josebe Iturrioz reciba 24 interrupcións? Non.

Aproveitando a posición privilexiada que lles outorga o programa, Grau e San Sebastián converten as intervencións doutros opinadores nun boicot permanente. Cando elas falan a produción do programa protéxeas de calqueira interrupción.

O comportamento de San Sebastián e Grau é deplorábel. Que Televisión Española facilite e ampare este comportamento é inaceptábel en democracia.

Reflexións e accións

Como diciamos no comezo, o obxectivo deste Informe non era entrar no fondo do debate nin analizar as posturas e argumentos de cada interveniente. A idea era vermos se na principal televisión pública era posíbel debater sobre un tema tan importante como as políticas lingüísticas. As opinións pódense debater, argumentar e contra argumentar. Mais o que temos visto neste programa non ten nada que ver cos argumentos e as opinións senón cunha televisión antidemocrática que despreza o debate e fomenta a confrontación, impedindo pola forza a libre expresión de opinións.

Unhas horas despois do debate e como resposta ao tuit de Arrimadas onde defendía a Anna Grau dos “ataques separatistas”, Josebe Iturrioz escribiu en Twitter:

“Sufrí a Anna Grau en este programa. Es violento atacar a las lenguas minoritarias, es violento decir que se odia el castellano. En definitiva, es violento generar violencia y más cuando se habla de educación”.

Esta violencia foi amparada e promovida por RTVE e isto non pode ficar nunha simple anécdota. Fan falta explicacións.

Por iso, OCTUVRE enviou unha copia deste Informe a ERC, a CUP, JxC, En Comú Podem, Bildu, PNB, Nueva Canarias e Teruel Existe. A copia vai acompañada dunha serie de preguntas sobre os criterios xornalísticos que se seguiron por parte dos responsábeis do programa analizado.

Como representantes dos cidadáns, estes partidos teñen a posibilidade de participar na Comisión Mixta de Control Parlamentar da Corporación RTVE e as súas Sociedades e fiscalizar TVE. Esta Comisión ten que ser capaz de dar explicacións aos graves feitos que describe este Informe.
Non pode ser que mentres o Congreso prohibe o uso do galego, o euskera e o catalá no seu hemiciclo, protexa tamén unha televisión pública que vulnera a pluralidade na defensa destas linguas.

Paralelamente, convidamos a todas as persoas que se teñan sentido agredidas polos feitos que acabamos de explicar, que pidan explicacións ao Defensor do Espectador. Segundo o Estatuto do Defensor do Espectador de RTVE os cidadáns teñen dereito a

“unha comunicación directa” “para que estes poidan formular reclamacións, queixas e suxestións, así como recibir respostas adecuadas ás súas consideracións, en todo aquilo que afecta aos seus dereitos, concibidos dende unha perspectiva ampla e non só legal”.

Este Estatuto recolle, ademais, as seguintes obrigas do Defensor do Espectador cara aos cidadáns que se dirixan a el:

Responder a los espectadores, oyentes o usuarios de los medios interactivos en un plazo máximo de 30 días aportando las explicaciones recibidas y, en su caso, con la calificación que a su juicio merezcan.


En OCTUVRE traballamos para expor á luz temas e puntos de vista que normalmente os grandes medios de comunicación ocultan ás súas audiencias. Cremos que o feito de romper silencios é imprescindíbel. Mais ás veces, como neste caso, non abonda con denunciar publicamente. Hai que esixir responsabilidades, hai que obrigar aos responsábeis das cousas mal feitas a dar explicacións. Hai case un ano puxemos en marcha este proxecto baixo o lema “Mentir non pode saír de balde”. O que fixo TVE o pasado luns non pode saír de balde. Pásao.

OCTUVRE no rep subvencions ni accepta publicitat.
La nostra feina és possible gràcies als nostres donants i subscriptors.
Si vols conèixer el nostre projecte, trobaràs els detalls aquí.